martes, 6 de agosto de 2019

Perfil e características do TRAIL CURTO

TRAIL CURTO: 15,4 Km e 650m+.


Sairá e rematará na Praza do Pan de #Corme

Despois de coller a rúa principal, entraremos nun fermoso paseo entre dúas praias (Arnela e Osmo), para a continuación proseguir por un sendeiro cara a Praia da Hermida que cruzaremos de lado a lado. Uns metros de asfalto en llano faranos chegar á liña eléctrica, que nos meterá xa en zona montuna. Comeza prácticamente aquí o primeiro desnivel importante da carreira. Daranos unha pequena tregua en poucos minutos, entrando nunha pista recén acondicionada, na que podemos poñer velocidade de cruceiro por si nos despistamos nos primeiros metros da carreira. Non tardaremos en meternos por camiños de tractores pouco a pouco ao interior dos montes. Un sendeiro entre árbores, toxos e fieitas seguirá subindo amablemente ata chegar de novo a unha pista/camiño na que tomar de novo uns folgos. Chega a hora de baixar. Unha pequena pegada no chan levaranos de forma rápida cara o nivel do mar. Levantade a cabeza porque as vistas son espectaculares sobre a ría de Corme e Laxe.


Non tardaremos en chegar á área recreativa da Praia de Balarés, co seu fermoso pinar, que cruzaremos para afrontar as seguintes subidas da xornada. Camiños antigos que parecen alfombras baixo as árbores fará que o levemos mellor. O ascenso está asegurado. Dende aquí contemplaremos tamén as vistas das praias e da ría. De vez en cando é convinte votar a vista atrás, non defraudan.

As antenas de Tv e telefonía, estarán expectantes á nosa chegada, en silencio, contemplando a fermosura da desenvocadura do río Anllóns en unión coa ría. Unha pequena baixada e cruzaremos a estrada. Aquí dividirase o percorrido longo do curto. Bye bye. Xa pasamos o km 8. Comezamos a voltar cara Corme. Agora poremos a vista cara a nosa esquerda. Sendeiros en zig-zag, xoguetóns, faranos desfrutar ao mesmo tempo que nos fará sufrir. Queda pouco, pero á vez queda moito. Queda distancia para meta, pero tamén queda desnivel. Unha das pendentes máis pronunciadas está aquí e levaranos a un mirador natural que nos ensinará unha nova panorámica da ría dende outro punto de vista. A baixada é rápida, polo que debemos tomar precaucións. Un pequeno respiro por camiño plano faranos ben, para afrontar outro ascenso entre piñeiros. A estampa quedaranos no recordo. Por fin chegamos a un tramo de pista que nos fará mirar á esquerda. O ascenso seguinte é suave entre árbores, o que agradeceremos. Ao final voltaremos mirar cara a ría e xogaremos coas pedras e arbustos serpenteando entre eles. Unha das vistas máis fermosas da ría poderemos contemplala en pouco tempo. A partires de aquí, prácticamente todo é baixada. Faremos de xabaríns entre toxos e fieitas, pasaremos por montes que parecen encantados e en nada atoparémonos de novo na liña eléctrica que usamos cando saímos. Voltaremos de novo a facer o camiño de volta pola Praia da Hermida e sendeiro que nos levará de novo á vila de Corme. Unha vez cheguemos á estrada principal, collerémola ata meta. A satisfacción será plena. Asegurado.